domingo, 31 de mayo de 2009

VERDADE, XUSTIZA E REPARACIÓN PARA OS REPRESALIADOS DA CAÑIZA.



Publicado: El Foro Metropolitano. Acceder.


A verdade, a xustiza e a reparación son tres principios fundamentais nos que se basean os dereitos humanos, principios que o estado español non contempla para as vítimas do franquismo.

Ao fío do artigo publicado neste mesmo xornal pola señora Nelly Pérez sobre os represaliados da Cañiza, como responsábeis da páxina web http://canizarepublicana.blogspot.com, de onde foron extraídos os textos reproducidos fielmente no citado artigo, queremos expoñer que non é suficiente con lembrar. Temos que mergullarnos na historia das vítimas da represión franquista porque a súa reivindicación é a historia da democracia que aínda está por conquistar. Temos que esixir que os seus dereitos sexan respectados, é unha débeda democrática con todos eles.

A impunidade dos crimes do franquismo é unha realidade non resolta pola mal chamada lei da memoria, que non contempla a anulación dos consellos de guerra, pedra angular das reclamacións das entidades memorialistas, que aínda continúan reclamando xustiza neste 2009, ano da conmemoración do exilio republicano.

O Col·lectiu Republicà del Baix Llobregat, do que forma parte Cañiza Republicana, conxuntamente con outras asociacións memorialistas de Catalunya, configuradas na Mesa de Catalunya, todos os meses facemos unha concentración diante do Palau de la Generalitat para pedir Verdade, Xustiza e Reparación para as nosas vítimas e a anulación dos xuízos do franquismo. Coas fotos dos nosos familiares reivindicamos os seus dereitos, poñemos rostro a unha pequena parte dos milleiros de cidadáns que sufriron o horror da ditadura, que en Galiza comezou no xullo do 1936. Persoas de todos os ámbitos da sociedade que foron roubados ás súas familias e amigos, o que supuxo unha perda terrible, a todos os niveis, para todos nós. Aínda estamos a sufrir as consecuencias deste espolio humano.

Nestas concentracións recollemos sinaturas para a anulación do consello de guerra que rematou co asasinato do President de la Generalitat Lluís Companys, representante elixido democraticamente polo pobo de Catalunya, porta para a anulación de todos os xuízos do franquismo (http://xustizacompanys.blogspot.com). Cando a xente que fai cola para informarse e asinar descobre que estes xuízos seguen vixentes, despois de tres décadas da morte do ditador, queda abraiada e non entende o porque. Pois porque non houbo vontade política de condenar explicitamente o franquismo e polo tanto nin de xulgar os seus crimes, nin de anular os seus xuízos. Non queren pór en clara evidencia que a República é unha víctima do franquismo á que aínda non recoñeceron dereito ningún neste estado monárquico.

Xa pasou o tempo tan só das homenaxes, agora e o tempo da reivindicación, de pór no plano que corresponde a nosa defensa dos dereitos humanos, no terreo dos crimes de lesa humanidade, que non prescriben.

A Verdade, a Xustiza e a Reparación son conceptos que non teñen que asustar nin os estados democráticos, nin os seus gobernos, e tampouco os cidadáns. É unha cuestión de humanidade, de xustiza e de normalidade democrática que estes xuízos sexan anulados por lei. Existen outras leis das que o estado español está moi orgulloso como a da amnistía de 1977, lei cuestionada pola propia ONU no informe que presentou o seu relator este mesmo ano. Unha lei de impunidade para o réxime franquista e unha lousa para as vítimas deste, unha amnistía para aqueles que nos levaron ás cavernas do franquismo.

Os represaliados da Cañiza, os de toda Galiza e os de todo o Estado, merecen pasar a historia como o que foron, homes e mulleres que quixeron crear un mundo mellor e máis xusto para os seus concidadáns e non como os delincuentes ou criminais que retratan as farsas de consellos de guerra, cheos de mentiras e de oprobio. Eles merecen xustiza e nós tamén.

Cañiza Republicana - Col·lectiu Republicà del Baix Llobregat

No hay comentarios: