jueves, 2 de agosto de 2007

O HOME QUE MALLABA NA SÚA MULLER COMO NO CENTEO VERDE

Cando naceu o neno xa apuntaba maneiras, asemellábase ao pai e ao avó, desde o berce levantaba o dedo como querendo mandar. Estiveron a pensar cal sería o nome máis axeitado para o parrulo, a nai dixera que Teodosio, o pai que Euloxio, o avó que Cesáreo e avoa materna que Amador, nestas chegou o cura a casa e rematou o debate dicindo que o neno chamaríase Impune. Todos os presentes quedaron pasmados, non atopaban no santoral a San Impune, pero o cura dixo, non teñades medo que existir existiu un, hai tempo, e tivo unha vida chea de luxos, ninguén puido probar que a súa conducta non era correcta e morreu no poder, que nunca lle faltara. Claro, como podedes comprender, non é un santo para que as devotas deixen os cartos nos seus caixóns, nin ten feridas sangrantes, nin sufrira martirio, nin loitara pola egrexia.

- Entón que fixera San Impune para gañar a santidade?

- Pois mercar o título ao Papa e cos cartos fixeron uns templos para San Pobo, que sufriu moito, e para Santa Dona que morreu a golpe de cinto do seu home.

Quedaron admirados pola decisión do cura e estiveron conformes co nome. Co tempo a familia decatárase de que o nome lle estaba ao neno que nin pintado, roubaba aos fillos doutros nobres e quedaba impune, despois vendía o roubado aos mesmos roubados e quedaba impune, e aínda por riba cando o rei facía a recepción para toda a corte aproveitaba para conspirar no seu beneficio e quedaba impune. Medrou Impune sen medo a nada, uns lle adulaban agardando prosperar e outros polo medo as súas represalias facíanlle a pelota.

Morreu o pai e herdou as terras, o pazo, os cartos, e os seus irmáns quedaron cunha asignación que deixara o pai para os gastos básicos. O Impune era feliz, agora só tiña que ter unha muller e un fillo para deixarlle o nome que tan bo resultado lle dou. Había unha moza moi guapa, filla dun nobre que caiu en desgraza, de nome Resignación, ela non quería casar co Impune porque era malo e feo, pero o pai recibira o perdón do rei e uns cartos que fixeron o matrimonio posible. Desde o primeiro día o Impune fixo dano a Resignación, cando regresaba das cacerías bebía máis da conta e mallaba na pobre muller que non quería ter relación algunha co demo. Tiveron cinco fillas e como o varón non daba chegado o Impune despois de golpear e insultar a Resignación durante anos e anos, rexeitouna e buscou unha máis nova para casar. Os seus emisarios levaran uns presentes ao Papa e o pontífice mandou os permisos para bendicir o vindeiro matrimonio, pois prevaleceron os cartos e o dereito dun nobre a ter un fillo sucesor a normativa eclesiástica, como sempre. Para que na corte non se falara do asunto regalou á muller e as fillas unha casa cunhas terras e lle asinou unha cantidade anual coa condición que non volvera ao pazo. Casou coa nova muller, a filla dun burgués con moitos cartos, ela chamábase Fortina, era noviña, non moi guapa, pero cun carácter que o ego do Impune quixo dobregar. Fortina recibiu unha chea de golpes pero tamén deu uns cantos, pero fixo un gran regalo a o Impune, un Impuniño. A felicidade por fin. Pero as discusións, as borracheiras e as malleiras continuaron ata que Fortina marchou do pazo cun traballador do seu pai que fixo moitos cartos en América e para alí marcharon deixando a Impuniño ao coidado da ama o do Impune.

Chegaban malos tempos para o todopoderoso Impune, o rei renovaba os seus conselleiros e ao home que tiña que representar o poder no reino cando marcha o rei ao seus viaxes. Ultimamente o Impune xa non era do agrado da corte polo seu carácter o polos seus vicios. Pero non se rendeu, fixo investigar a tódolos que podían votar no consello, e atopou as miserias alleas para sacar proveito. A algúns lles pagou as débedas, a outros lle fixo chantaxe, pois as súas conductas non eran moralmente correctas, a outros, os máis medorentos, ameazounos. O caso é que o rumor pola corte era que o Impune estaba acabado, ata os propios que ían votar por el, en público o negaban, pero chegou o día da votación e o Impune gañou por maioría absoluta. Todos quedaron abraiados, aínda que todos tiñan a súa parte de culpa. A primeira decisión que tomou o Impune foi subir os impostos e a segunda por a súa xente como espías na corte. Estaba contento porque os que pensaban que o Impune non gañaría sempre, tiveron que ver a súa victoria. Xa non era un mozo, el sabía que non era boa xente ¿pero alguén bo quedara para historia? preguntábase. Deixaría seu pequeno imperio ao seu fillo e gobernaría tranquilo os anos que lle quedaran. O Impune non tiña medo a nada, xa o dixera o cura que lle bautizou, ninguén poderá facer dano ao neno por moito mal que este faga a xente.

¿E porqué as personaxes como Impune teñen tanta sorte? Pois porque o resto permítelle que a teña. Seguro que hoxe non podería haber un Impune poderoso que mallara nas súas mulleres e ostentará responsabilidades na vida civil ¿ou si? De tódolos xeitos calquera parecido coa realidade e mera coincidencia.

No hay comentarios: